top of page

A montaxe: narración e subxectividade

À propos de Nice, curta documental, pode semellar non responder á clásica estrutura narrativa presentación-nó-desenlace, pode mesmo semellar unha iuxtaposición de imaxes cotiás, documentais, que non atende a cronoloxía ou intención ningunha, que non se dirixe a ningún punto en concreto, e en certo modo así é. En certo modo porque, se ben a cinta coma totalidade non aborda un tema concreto, non guía ao espectador a unha soa conclusión, si posúe unha coherencia interna coma creación, coherencia que practicamente sosteñen dous piares: a cidade de Niza a principios dos anos 30 e a subxectividade, relacionados entre si pola montaxe.

Unha das funcións da narración, desempeñada na literatura polo narrador e na cinematografía polos personaxes, as secuencias, a voz en off ou/e o diálogo, é a de dar continuidade aos feitos, a de presentar unhas situacións e desenvolvelas. Na cinta, a montaxe non só atende a unha xerarquía xeral-particular (primeiro aparecen os planos aéreos de Niza, despois as gravacións a pé de rúa) senón a unha cronoloxía antes-despois (cara o principio planos de traballadores varrendo a rúa, preparando as terrazas, facendo máscaras; máis adiante xente paseando pola rúa, sentados nas terrazas, mirando o desfile dos cabezudos), composta por unha serie de pequenas liñas argumentais intercaladas. Tendo en conta este aspecto, a montaxe suple o papel da narración, pero o seu papel no filme non se limita a iso.

 

Todas as imaxes son esencialmente “Niza”, tanto os lugares como as persoas que se atopaban alí, naquel momento, coas súas vidas, nin máis, nin menos. Esta obxectividade documental adquire, no entanto, un carácter subxectivo grazas, en gran parte, á montaxe. Cara o final da curta, tras un plano dunha muller que mira para arriba sucédese un plano contrapicado dunhas chemineas nunha fábrica. A muller estaba alí, en Niza, falando de cousas que non escoitamos; a fábrica tamén estaba alí, existiu, pero o que a montaxe engade

a posteriori é a conversación que percibimos, coma espectadores, entre ambos elementos: a muller e a fábrica podían ter estado a kilómetros de distancia, pero empregando o plano-contraplano e adecuando o ángulo da cámara para facer que os dous se miren simúlase un diálogo entre eles que os relaciona de xeito inevitable. Esta “oposición” podería interpretarse coma síntese do enfrontamento burguesía-proletariado, que a película aborda cun marcado ton crítico, ademais de que se detecta tamén certa influencia surrealista no feito de estar a observar a conversa que unha señora parece manter coas torres dunha fábrica. O logro da montaxe reside en que, sen máis material que a propia realidade, na cinta o conxunto das imaxes trascende a realidade mesma, engade a dimensión subxectiva facendo que o todo resulte ser máis que a suma das partes.

 

Porén, a subxectividade non se constrúe só coa montaxe. A visión crítica do artista, que inflúe no que este escolle gravar, e o mesmo momento da gravación, no que se decide de que xeito vai quedar a imaxe recollida no plano, son necesarias para que esta consiga a intención antes mencionada; de feito, é difícil afirmar de xeito rotundo que fase, se montaxe ou gravación, é máis decisiva para o resultado final.

Na escena unha rapaza cun bebé nos brazos achégase a unha mesa pedindo esmola. As mulleres sentadas semellan non responderlle, xesto de desprecio que se acentúa, sen montaxe de por medio, en canto unha delas xira a cabeza. 

bottom of page