top of page

Ao comezo da animación, e a través dun marco cadrado no centro da pantalla, vemos un primeiro plano dunha muller, deducimos que tombada, sobre unha superficie laranxa. Como espectadores, supoñemos que a acción terá lugar dentro dese marco durante toda a curta.

De seguido, afástase o plano e pasamos a un cenital xeral, onde percibimos xa claramente como a muller se atopa tombada sobre o vértice de catro cadrados. Como todo isto ocorre dentro do marco previo, non sabemos se eses cadrados posúen só a área que nós percibimos ou continúan máis aló, onde nós xa non podemos ver.

Pouco a pouco a muller comeza a erguerse e, nun plano medio, o fondo aparece azul, como se fose a mesma sección azul do cadrado a que estivese tras dela. Esta pequena incoherencia espacial intencionada repetirase ao longo da curta con cada unha das cores do cadrado. Tendo en conta o final do vídeo, no que se descobre que todo aconteceu durante unha ensoñación da rapaza, pódese dicir que a distorsión do espazo ten un valor narrativo, pois é razoable que nunha realidade imaxinaria as perspectivas da rapaza e o entorno se desaxusten.

Plano picado, a muller camiña sobre os cadrados, que fan de "chan". Percíbese o contraste entre o volume da figura humana e a bidimensionalidade do entorno.

Porén, nestes planos aparecen ás costas da rapaza as catro cores do cadrado, ao mesmo tempo que deducimos que se atopa de pé camiñando sobre elas.

De súpeto aparece no plano un insecto, que a primeira vista semella xigante. Isto ocorre porque o cadrado se mantén na posición do plano cenital xeral do comezo. Así, o noso primeiro instinto é pensar que se trata dun plano xeral no que aparece un insecto enorme, no canto de percibir un plano detalle (acoutado polo marco cadrado que cerca todos os planos curtos) no que o bicho se atopa no vértice das catro seccións.

Os cadrados mantéñense fixos á vista, na mesma posición e co mesmo tamaño.

Deste xeito, as dimensións dos obxectos superpostos vólvense ambiguas.

A muller asústase, e rapidamente esmaga o insecto co pé. Sucédense de xeito dinámico un primeiro plano, un plano americano e un plano detalle do pé, seguindo o movemento da rapaza. Só cando o pé entra no plano somos quen de percibir as dimensións reais do insecto, que se amosa coma se sempre tivese sido pequeno.

O tamaño real do insecto, en relación co pé da rapaza

A cámara afástase a un novo plano xeral picado. Por primeira vez vemos algún movemento nos cadrados de cores, que comezan a simular as ondas do mar e, de seguido, a escorrer coma unha cinta. Isto provoca que o personaxe, empuxada polo súbito movemento, saia do marco ao que de momento estaba circunscrita toda acción.

As liñas dos cadrados altéranse, variando a forma que ata agora mantiveran

Mentres corre, a muller tropeza e sae despedida cara atrás, agárrase  ao borde laranxa e queda colgando del. Os cadrados recuperan a posición fixa inicial.

Cambia de plano rapidamente, e vémola nun plano medio curto pelexando por non caer.

De novo volvemos ao plano xeral cenital, mais ela xa non está colgando do lado esquerdo do cuadrilátero, polo que a vimos caer anteriormente, senón do superior. Coma acontecía no plano da cascuda, o ollo, tendo en conta os cadrados fixos, percibe un cambio de tamaño nas mans. Porén, desta si é evidente que as dimensións variaron, pois non hai xeito de que este sexa un plano detalle.

No tramo final da curta percibimos dun xeito máis explícito as incoherencias espaciais e os cambios de tamaño das cousas, ao tempo que a tensión aumenta.

O axitamento do personaxe recóllese neste primeirísimo primeiro plano

Finalmente cae. Por fin desaparece o marco que restrinxía a acción, e vemos un plano medio curto frontal dela, respirando axitada. Que este non se recorte por ningún punto serve para decatarnos de que xa saíu do sono e nos atopamos no mundo real.

Cambia a perspectiva, e nun plano dorsal xeral vémola contemplando os cadrados dende fóra, que ao final resultan ser unha obra exposta nunha galería. O espazo e as perspectivas xa teñen sentido, e aínda que os cadrados seguen constantes no  centro do plano, agora aparece tamén o escenario ao redor.

THE FIRST EXHIBITION

Unha análise sobre a curta de Jonathan Djob Nkondo
bottom of page